Ola xente, qué tal?
Por aquí todo ben, de volta á normalidade, con clase pola mañá, comendo na mensa ó mediodía, logo estudiando un pouco… que xa era hora de ir desfacendo as maletas!!
Polo título do post de hoxe xa vos imaxinaredes que comeza a crónica da viaxe por Italia coa familia, e coma sempre, a mellor forma de comezar algo é polo principio, por iso remontámonos case un mes atrás para recordar como comezaba esta «gita» como lle chaman os italianos, un domingo 22 de febreiro…

A viaxe para min comeza ás 13:00 na estación de tren de Brignole, porque para poder aproveitar ó máximo a viaxe decidiramos visitar o país de sur a norte comezando por Roma, aproveitando que Ryanair ten voo directo dende Satiago de Compostela.
Sendo Roma o noso punto de encontro, debía baixar ó encontro dos meus, e valorando presupostos a mellor opción resultou finalmente un tren InterCity Plus que saía de Genova ás 13:00 e chegaba a Roma ás 18:14. Alí estaba Manu para recibirme e facerme de guía na cidade: Buscar o hotel, face-lo check-in, comprar a cea, ir ó aeroporto… Unha vez alí tomamos un café para poñernos ó día, e antes de darme conta xa me soaba o mobil para avisarme que o avión que viña de Santiago xa estaba aterrando!!

Logo houbo certo caos co tema dos buses e taxis. Resulta que se non vas nun voo ryanair non podes comprar billetes de Terravisión, que eran os que xa compraran eles no avión, e resulta tamén que aínda que a viaxe de Ciampino ó centro de Roma ten tarifa fixa de 30€, se es turista este prezo non serve para ti e tes que pagar de máis.
Ó final, despois de berrar un pouco cos taxistas en italiano, conseguimos baixar a Termini, chegamos ó hotel, ceamos uns bocatas italianos, deses con mozzarela, ruccula, melanzana… e de postre chocolate de giandugia con crackers e uns iogures procedentes da Mensa Genovesa.
Coa maleta colocada e xa ceados era hora de ir para cama, que ó día seguinte nos agardaban os museos Vaticanos, a Basílica de San Pedro e o Castel Sant’Angelo…