Pois a viaxe xa vai chegando ó seu fin. Este día foi o que vimos máis cousas de Venecia. O percorrido comezaba ó lado do noso hotel, no Almacén dos Turcos, que fora a sede da representación comercial otomana en Venecia, e que é hoxe en día, Museo de Historia Natural da cidade. Logo seguimos ata Ca’ dOro, o Palazzo gótico-veneciano máis famoso da cidade, logo as igrexas de Santos Apostoles, Santa Maria dei Miracoli, Santos Giovani e Paolo, Santa María Formosa e San Zaccaría. E camiñando, camiñando, chegamos outra vez ata a praza de San Marco, e puidemos facer máis fotos, esta vez sen néboa. Logo chegou o turno da Igrexa de Santo Stefano, e cruzando o Gran Canal por Ponte Acadèmia chegamos a Santa Maria della Salute, que ten este nome en agradecemento pola salvación da cidade da peste de 1630.
E seguimos camiñando… Ca’ Rezzonico, Palazzo Grassi, Ca’ Foscari, que é a universidade de Venecia, e Santa Maria dei Frari. Foi nesta praza onde paramos a comer, porque ó estar preto da universidade, había moitos sitios baratos para comprar pizza al taglio.
Como a illa é moi pequena, eran aínda as dúas da tarde e xa tiñamos vistos todos os palazzos, igrexas e prazas que viñan na guía, así que voltamos á zona do hotel para visitar o Gheto Xudeu. Vimos a Sinagoga, a Casa Israelitica di Riposo, o Museo do Pobo Xudeu, tendas típicas… ¡e eran todavía as tres da tarde! Así que adicamos o resto do día a comprar comida típica para levar de recordo, e a pasear sen rumbo entre os canáis para descubrir as zonas máis escondidas da cidade.
E así rematou a nosa quinta etapa de viaxe. As fotos son dun canal preto do noso hotel, e da igrexa de Santa Maria della Salute. Espero os vosos comentarios e as propostas para unha nova viaxe. Bicos!

